Praza pública Blogs
Hoxe en Praza:

Código á feira

O blog de programación en Praza Pública
Sobre o blog  

Tres proxectos galegos

Todo o mundo coñece jQuery ou Wordpress, bibliotecas moi ben feitiñas que nos facilitan moito a vida á hora de traballar na web (para segundo que cousas, claro). Pero esa filosofía crebeira de vivir só do que atopamos gratuitamente en internet tampouco mola. En Galicia tamén se fan bibliotecas e non me refiro á Ánxel Casal ou á Biblioteca Xeral, senón a utilidades en javascript, php, python, ruby ou calquera outra linguaxe e que teñen como finalidade facernos a vida mellor. Por iso poño aquí 3 exemplos para que lle botedes un ollo:

Panorama

Biblioteca en PHP creada por Fran Diéguez e que xestiona diferentes servizos de vídeo como youtube, vimeo, flickr, dailymotion, etc… Moi fácil de usar e moi útil, simplemente lle tes que pasar a url do vídeo e ela mesma se encarga de buscar a información que precises (título do vídeo, captura de pantalla, url, inserir un reprodutor, etc). Un exemplo:

$video = new \Panorama\Video("http://www.youtube.com/watch?v=GPQnbtldFyo")
$titulo = $video.getTitle();
$captura = $video.getThumbnail();
$url = $video.getEmbedUrl();
$player = $video.getEmbedHTML();

Retículas

Bruce Mau, no seu manifesto incompleto dicía no punto 22 que os deseñadores deberiamos fabricar as nosas propias ferramentas. Isto é o que fixeron Segundo Fernández e Natalia Crecente, deseñadores do estudio Sond3 co seu framework de css para trasladar o concepto de retículas á web. Ademais a web contén moitísima información sobre a historia e o tipo de retículas que existen.

$media

E para rematar un proxecto de javascript que fixemos na navalla suíza (toma autobombo!). Trátase dunha biblioteca que emprega jQuery e que serve para xestionar audio e vídeo na web en formato html5. Podes asociarlle eventos, crear liñas de tempo, meter subtítulos, extraer frames, etc. En fin, unha biblioteca sobre a que xa demos algún curso e que cada vez usamos máis nos nosos proxectos.

Estes son só 3 exemplos pero hai moitísimos máis. Se tes un proxecto do que te sintas orgulloso avisa para facer unha segunda parte.

  1. praza-codigoafeira posted this